Amosando publicacións coa etiqueta Tangram. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Tangram. Amosar todas as publicacións

venres, 13 de novembro de 2015

Xogamos cos LEGO...na clase de Mates

Cantas cousas podemos facer cos LEGO?

O outro día decidimos empregalos na clase de matemáticas. Primeiro fixemos torres de dez pezas de igual tamaño. Tiñamos unha "decena" coa que fixemos sumas e restas.


Por exemplo:
"Se quitamos tres pezas, cantas che faltan para volver a ter a decena?"
                   
 "Se temos dúas pezas, cantas me faltan para chegar a ter 10?"


Logo sumamos tódolos montóns para saber cantas pezas tiñamos en total (ollo ao truco para acabar antes de contar).


Houbo alumnos foron contando: 10, 20, 30, 40....en total tiñan 100!

Outra das actividades foi a descomposición do número 10:

5+5
4+6
6+4
3+7
7+3
1+9
9+1

e tamén:

8+1+1
1+7+2
3+3+4
...
Canto pensan estos nenos e nenas!!!

Ao final empregamos os LEGO para repasar o aprendido noutras sesións sobre "menor que" e "maior que"...cos LEGO foi moooi fácil!


Aquí está a galería de fotos desta sesión:

xoves, 12 de novembro de 2015

Fichas de números e símbolos

Estas semanas empregamos as fichas cos números e os diferentes símbolos para realizar un montón de actividades.


Como por exemplo:

- Descompoñer números
- Maior que, menor que, igual que
- Continuar series
- Conteo
- Operacións aritméticas

E unha vez rematos a tarefa do día tivemos un ratiño de xogo libre: tangram, mini ARCO...
 

mércores, 11 de novembro de 2015

O tangram

O tangram é un puzzle de orixe chinesa formado por un cadrado dividido en sete pezas denominadas tans: dous triángulos iguais de tamaño pequeno, un triángulo mediano, dous triángulos grandes, un cadrado e un romboide. 


As pezas gardan entre si unhas relacións métricas moi particulares:
- Todos os ángulos son múltiplos de 45º.
- Todas as pezas conteñen o triángulo pequeno un número enteiro de veces.
- Só hai catro lonxitudes diferentes nos lados das pezas.

O que nos fixemos primeiro foi formar un cadrado empregando TODAS as pezas que tiñamos, levounos un pouco de tempo pero ao final...CONSEGUÍMOLO!!



O tangram é unha ferramenta moi útil para empregar no ensino da matemática, e en especial na parte da xeometría: realizando tarefas de construcción e clasificación de polígonos, medidas de lonxitudes e superficies, etc. 

E tamén adoita empregarse como pasatempo. Tivemos un tempo de xogo no que construímos figuras e formas coas sete pezas, saíron modelos preciosos. 

Podemos realizar un montón de actividades segundo o nivel e a idade, algúns exemplos  máis avanzados son:

- Clasificar as pezas do tangram seguindo diferentes criterios. Constrúe con elas cuadriláteros e clasifícaos. Despois fai o mesmo con polígonos.

- Tomando como unidade a lonxitude do cateto do triángulo pequeno, averigua cantas lonxitudes diferentes hai nos tans e canto valen.

-Tomando como unidade de área a superficie do triángulo pequeno, acha a área das demais pezas (isto é, cantas veces está contido o triángulo pequeno en cada un dos restantes tans). Unha vez feito isto, averigua a superficie e todo o tamgrama cadrado (cadrado constituído polos sete tans).

- Fai o mesmo que no punto anterior, tomando agora como unidade o cadrado.

- Usando os dous triángulos pequenos, xúntaos para formar polígonos. Despois constrúe o polígono de menor número de lados posible e o polígono de maior número de lados posible. Finalmente, repite esta operación empregando tres triángulos que podes escoller libremente. Como ten que ser a elección dos tres triánglos para que o polígono teña o menor número de lados posible? E para que teña o maior número de lados posible?

-Emprega o tangram para amosar a relación que existe entre o perímetro e a área: primeiro constrúe dúas figuras que teñan o mesmo perímetro e diferente área, e despois constrúe dúas que teñan a mesma área pero diferentes perímetro. Observa que para que sexa doado de comprender debemos porcurar que todas as lonxitudes dos lados das figuras sexan número enteiros.


Aquí podedes descargar e imprimir unha plantilla para facer o voso tangram e seguir practicando na casa

Facede uso da vosa imaxinación e creatividade para crear asombrosas figuras e formas. Tamén en Internet podemos atopar un montón de modelos para construir. Por exemplo, atopei este de animais: